14/6/09

BULGARIA DESPEDIDA E PECHE



Despois dunha noite de descanso máis ben escaso, duchámonos con preguiza polo cansanzo, pero tamén porque algunha parte de nós non quere marchar; quereríamos que esas experiencias que vivimos, esa nova xente á que coñecimos non rematen coa viaxe. Non nos entendades mal, claro que queremos voltar, claro que queremos vervos e dar bicos ás persoas que queremos pero somos conscientes de que a gran parte das experiencias fortes que se viven na vida rematan sendo lembranzas. Danos peniña! Moita peniña!

Almorzamos cos nosos amigos Ioannis, Thanasis e Peter. Vivimos un resumo da viaxe, bromas e risas. Intercambiamos mails e messengers a pesar de que sabemos que poucas veces os utilizaremos. E sentimos o corazón un pouco . Damos apertas e bicos a todos os socios e socias ao pé do bus.

Pero hai algo que nos anima, algo que nos fai sentir que a viaxe non rematou aínda. Ás "Paletas e detectives" quedáballes aínda xornada e media para convivir. É certo que coñecimos e queremos a xente nova pero tamén é certo que nos coñecimos e queremos mais nós as tres.
E ese día seguiron as risas, esas risas tontas que enchen a alma, e tamén continuaron as confidencias. E a viaxe non remataba. Aínda quedaban moitas cousas por ver e moito que rir.

A pesar do cansanzo non queríamos perder nada. Montamos nun coche que nos levou a coñecer algo do resto de Bulgaria que aínda non viramos, e confirmamos que é un país perfecto para visitar.
As montañas son de un verde indecente e con bosques tupidos (como tería que ser Galicia de non ser por tanto incendio). E botamos de menos que non estiverades todos e todas aquí e que poiderades velo. E de paso traernos aos políticos a ver se aprendían algo.


O país está cheo de monumentos propagandísticos da antiga Unión Soviética: monumentos de exaltación da familia, estatuas que promoven o deporte e de enormes contrucións para alimentar o espírito nacional.

Monumento á Liberdade en Shipka.

Un dos que máis nos chamou a atención foi o monumento de Shipka. Nesta colina efectuouse a batalla máis decisiva da guerra ruso-turca (nos anos 1877 e 1878) que rematou co triunfo dos rusos. Esta victoria logrou a liberación dos búlgaros do xugo otomano. As víctimas dos dous exércitos na rexión de Sheinovo son arredor de 11000 e mais de 9000 persoas conxeladas durante ese duro inverno. Na cima da montaña erguése o monumento da liberdade que foi construído con donacións do pobo búlgaro.


A nosa baixada cara a Kazanlak situada no medio do inmenso val das rosas está plagada de mais monumentos e a o chegar a abaixo a inmensa chaira que arrecende ao olor dulzón que lle da nome so está interrumpida polos túmulos das tumbas tracias. Visitamos o Festival da Rosa e o museo da cidade adicado a importante industria da rexión.

Festival da Rosa.

Chegamos a comer a Plovdid, a segunda cidade de Bulgaria, rodeada de seis escarpadas colinas e atravesada polo río Maritza. Ten máis de 6000 anos e é máis antiga que Roma ou Atenas. Do seu intenso pasado conserva interesantes vestixios da civilización Tracia, monumentos romanos, antigas mezquitas turcas... O casco antigo é Patrimonio da Humanidade. Paseando pola cidade teríamos o primeiro marabilloso agasallo inesperado da viaxe: Asistimos a un bautizo ortodoxo. Como veredes na fotografía o neno xa non é un bebé.


Bautizo nunha igrexa ortodoxa de Plovdiv.

So a cidade de Plovdiv pagaba a viaxe. Gustounos pasear polas súas rúas cheas de casas de época modernista e racionalista pero coas cores apagadas polo paso do tempo. Ten un aire de cidade pola que nunca cansarías de pasear. A cidade sempre te acolle con esa caricia que teñen as casas sen rematar de recoller de todo, nunca sentes que molestas ou que sobras. Sempre atopas o teu sitio. Para rematar asistimos ao ensaio con vestiario (horas antes da función) dun ballet moi especial.


Ballet infantil no teatro romano de Plovdiv.

Partimos cara a Sofía a capital de Bulgaria, falando e falando no coche. Mañá nos esperaba o derradeiro día.
Na nosa habitación do hotel recompilamos lembranzas mentres facíamos as maletas e sacamos conclusións das pesquisas da nosa particular axencia de detectives. A maioria delas non son contables.

O día comezou cun almorzo rápido cun pianista español e a súa moza. Experimentamos con eles a emoción do seu primeiro concerto internacional. Sería tan bonito non perder nunca a ilusión da primeira vez...


Paseamos pola cidade as présas, porque queríamos velo todo en pouco tempo e gardamos para o mercado as derradeiras compras (entre elas os anaquiños de Bulgaria que vos levamos misturados con ovo, noz e sucre). Neste lugar agardábanos a mellor sorpresa da viaxe. Un señor achegouse a nós para axudarnos falando en principio en inglés, pero en canto lle dixemos que eramos españolas pasou a falar nun castelán algo raro. ERA UN SEFARDÍ QUE FALABA EN LADINO!!
Os xudeus que habitaron na Península Ibérica a chamaban Sefarad e despois da súa expulsión por parte dos Reis Católicos en 1492 nunca quixeron perder os seus costumes e a súa lingua, unha mistura de todas as linguas faladas daquela na península (tamén o galego) e con elementos hebreos. Moitos deles sempre pensaron voltar como demostran os tesouriños agochados entre as pedras das súas casas. Unha lección de historia e lingüística en vivo.



Sefardi falando en ladino from Axena on Vimeo.

Rematamos a mañá subidas nunha nube, e pola tarde outra nos trouxo (literalmente) ata Vigo. Lidia e mais eu durmimos a maior parte da viaxe. Cristina, sempre ávida de saber máis, enterouse no avión de que moitos turcos que vivían en Bulgaria tiveron que elexir entre trocar de nome (a forza) a un máis bulgarizado, ou exiliarse cara a Turquía, a maior parte dos que elexiron esta opción estiveron anos en campos de refuxiados. Todo esto pasou pouco antes do comezo da guerra dos Balcáns.


Tormenta entrando na ría de Vigo, a Ponte de Rande "mírase" na parte inferior da foto, xusto no perfil da á do avión.

Non, non podemos queixar de todo o que vivimos en Bulgaria: pasámolo moi ben, rímonos moitísimo, vivimos experiencias únicas e coñecimos e recoñecimos a xente impresionate. Grazas a todas esas as persoas por facelo posible! E grazas a vós por ler esta serie de posts!


5/6/09

QUINTO DÍA EN BULGARIA


O día comezou tarde, e menos mal, porque nos deitáramos algo tarde falando no hall do hotel. Pola mañá tivemos exhibición das danzas letonas, que non se puideran facer o día anterior polo doo das persoa que morreran no accidente.



O grupo de bailaríns procedentes de Letonia.

As danzas foron moi divertidas, porque ademais  os bailaríns sacaron a bailar a persoas do público. Tiñades que ver ao alcalde da cidade de Triavna, estaba un pouco teso bailando cunha rubia letona que lle sacaba case unha cabeza.

O alcalde bailando ao fondo con unha das bailarinas letonas.

Despois saímos cara a Velikotarnovo, a antiga capital de Bulgaria, que perdera a súa capitalidade por tan só un voto. Bonita cidade cun castelo medieval  amurallado do século XIV

O castelo.
Xusto ao subir ao castelo atopámonos cuns personaxes da literatura española: "Non son muíños eso que ve no horizonte?, amigo Sancho" que va, son Lidia e Cristina facendo unha homenaxe a súa materia.

Cristina e súa fiel escudeira.

 A zona vella moi interesante con numerosos exemplos dese pasado histórico. 


A cidade de Veliko Tarnovo coa súa catedral.

Pola noite tivemos cea de despedida de Triavna nun restaurante da vila. Non eramos as únicas persoas con cea concertada e todo o salón en pleno ergueuse para bailar xa dende o primeiro prato. Había tanta xente na sala do restaurante que tivemos que saír a bailar fora. Bailamos e bailamos a maior parte da noite. Hai probas documentais.


Cristina bailando con Thanassis.


Bailamos danzas populares búlgaras. Tamén sirtaki, a danza popular grega, porque o que pinchaba a música era dese país ao sur de Bulgaria. 

      Peter, o noso socio grenlandés, ensinándonos un colgante de oso feito con óso de foca.