30/5/09

CUARTO DÍA EN BULGARIA


Hoxe foi día de traballo pola mañá, intercambio de experiencias e recursos educativos.
Pola tarde xogos, pero en Bulgaria estiveron a vivir estes días loito pola morte de varias decenas de persoas nun autobús. Os xogos quedaron algo deslucidos porque os fixemos dentro do hotel. Aínda así, pasámolo ben. Ao final saímos un tempiño para probar os peóns e achegarónse a nós varios nenos... Foi o mellor da tarde.                                                                           





Pola noite cea de novo, non se pode dicir que pasamos fame neste país. Imos voltar cuns cuantos kilos de máis. Esta vez é de xeito libre e saímos cos dinamarqueses e máis cos gregos, temos que admitir que sentimos unha especial debilidade por eles.

TERCEIRO DÍA EN BULGARIA

O día comezou na sala de conferencias do hotel, onde explicamos a nosa aportación ó proxecto ATTIC, escoitamos ós demais socios e falamos sobre o futuro do proxecto.


Completamente metidas na dinámica da viaxe, enfrontámonos con espíritu lúdico ós pequenos contratempos da viaxe: Todo se convirte en excusa para a broma e creamos constantemente esas mitoloxías de viaxe intranferibles coas que esgotamos a paciencia dos amigos que se arriscan a preguntar como foi (preparádevos, je,je).

Pola tarde, os nosos anfitrións leváronnos a coñecer o traballo dunha Asociación que axuda ós discapacitados.

Visitamos os museos de Triavna: Tres fantásticos edificios en pedra e madeira nos que se exponen recreacións dos espazos domésticos tradicionais, obxectos e mobiliario do XIX e o impresionante traballo da madeira dos artesáns locais, en decenas d esculturas e no artesonado dos teitos.

O museo da cidade de Triavna, era unha antiga casa particular.

A antiga escola de Triavna.

Tamén visitamos a escola-instituto (colexio integrado) de Triavna.

Cristina e Pía no corredor da escola. O alumnado de secundaria só ten turno de tarde noite.

Velaquí a nosa entrañable guía, con Lidia:

E, para rematar o día, outra boa cea chea de risas e xogos cos nosos socios internacionais:

Cristina con Peter, socio dinamarqués, procedente de Grenlandia.


Thanasis e Ioannis, os socios gregos, cos agasallos dos dinamarqueses.


27/5/09

SEGUNDO DÍA EN BULGARIA

Ola! Ben ceadas e ben durmidas erguémonos esta mañá de moi bo humor para facer una excursión á espera dos socios letóns, que chegaban aínda a media tarde.
Vestidas de verán (porque aquí xa fai moita calor), montamos nu fantástico minibús moi á moda da Europa de Leste. Tras unha hora de viaxe polas frondosas montañas que rodean Triavna, chegamos ó mosteiro ortodoxo de Sokolski, onde puidemos visitar esta igrexiña do XVIII


e marabillarnos contemplando os frescos que enchen os teitos e as paredes: un espléndido resumo da historia sagrada dende a creación ata a paixón de Cristo para difundir os episodios esenciais da Biblia entre os que non sabían ler.


A monxa que coibada a igrexa (e vendía os inevitables souvenirs) explicounos que durante a dominación turca (cinco séculos, nada menos!), ós búlgaros non lles estaba permitido construir novas igrexas, só conservar as xa existentes, así que para obter o permiso esculpiron un icono en pedra, facéndoo pasar por unha reliquia moi antiga atopada nese mesmo lugar, co que gañaron o dereito de levantar un pequeno templo (ai! As astucias dos oprimidos).

Despois visitamos o Museo Etnográfico d Etara, onde puidemos coñecer distintas mostras da arquitectura tradicional búlgara e técnicas artesanais tradicionais.


Por certo, foi neste lugar onde Lidia recuperou a súa maleta.



De novo en Triavna, trala sobremesa de rigor nunha terraza, decidimos mercar o primeiro souvenir da viaxe: bragas de produción local ¿A que non adiviñades cal mercou cada unha?




Xa pola noite, Kalina (unha das socias búlgaras) invitounos a cear porque era o seu aniversario, durante a cea organizada pola asociación de Bulgaria fumos agasallados con cancións e unha pequena obra de teatro feitas polas asociadas. Foi unha gozada ver a estas mulleres moi ben preparadas e completamente desinhibidas.



Bueno, ímosvos deixando que mañá nos toca comezar a traballar!
Bicos de boas noites!

BICOS DENDE BULGARIA

Ola rapaces e rapazas! A verdade é que estamos esgotadas pero aproveitamos a calma do hotel para lembrarnos de vós. Escribimos dende Bulgaria despois de estar todo o día de viaxe. E vimos moitas cousas interesantes hoxe. Erguémonos cedo despois de durmir un par de horas, pero o madrugón tivo a súa recompensa.

O marabilloso ceo de Galicia ao mencer…




E un mar de nubes que nos trouxo nun, ás vecesviolento balanceo, ata a cidade de París, donde o noso avión fixo a escala de rigor.

Deixámosvos fotos do espectacular edificio do aeroporto do arquitecto Paul Andreu e que foi construido entre 1995 e 1999. A que semellan ser formas da natureza? Ollos de insectos, longos vermes, mundos de patas e antenas…
Baixamos do avión, vai una calor que abafa, e comezamos a sacar as capas de roupa que levamos. Impresionante! Unha calor enorme e as montañas que rodean Sofía aínda conservan algo de neve.
Ao chegar a Bulgaria o primeiro que nos chamou a atención é que entendemos máis ben pouco… Ninguna de nós fixo os deberes e aprendeu o alfabeto cirílico, para ver, polo menos, como se len as palabras en búlgaro… temos que recurrir aos escasos carteis en inglés ou ás trancripcións ao noso alfabeto. Esto nos pasa por paletas!, e mira que nós sí que sabemos da importancia de coñecer o idioma do país.

A maleta de Lidia non chega co resto e á frustación seguen unhas risas porque Murphy se presenta una vez máis como compañeiro de viaxe vital, Lidia era a única de nós que non quería facturar e  fixoo ao final por solidaridade!!!
Temos que esperar polo transporte que nos leva a Triavna, pero hai que esperar polo resto dos socios/as, xa que somos as primeiras en chegar. En nada chegaron as danesas (o único representante masculino de Dinamarca perdeu o avión porque cría que o voo era ao día seguinte) e despois os gregos. Os letóns aínda chegan mañá.
Comeza a nosa viaxe de tres horas e pico, entre montañas. Que envexa de bosques tupidos e sen marcas dos incendios. Dámonos conta da importancia ecónomica que ten o bosque e a súa explotación para os búlgaros. De camiño vemos que as cidades non creceron moito dende a época soviética e a arquitectura de edificios de bloques illados é bonita pero está moi mal conservada, o que lle da un aspecto algo nostálxico. Desa época consérvanse moitas estatuas e esculturas que exaltan o espírito nacional. Perdoade o encadre das fotos pero é que a furgoneta algo vella e moi trillada mandara aos amortiguadores de vacacións e era un pouco difícil tomar una foto decente sen parar.
Chegamos a Triavna, una pequeña vila rodeada de montañas co cu mallado. Pero a beleza do sitio compensa todo: casas de madeira, rúas empedradas, pontes medievais… Coas montañas sempre mirándoo todo, á beira.
Temos tempo de fregar os dentes e da peinar o rizo. A suculenta cea nos espera. Ensalada búlgara (moi semellante á grega) e un prato típico da rexión composto de pan fritido e xamón asado, Moi rico. O máis espectacular unha torta de pan que viña quente e que tiña que ser untada nunha mistura de especias.
Rendidas rematamos de escribir o post deitadas na cama sen nos falar moito. Estamos tan cansas que non podemos articular palabra. Boa noite! Mañá mais!

26/5/09

Anelamento de falcóns peregrinos.

Xa sei que esto se afasta un pouco do que viña sendo, ata agora, o espírito de Contorna, pero creo que a Natureza en todo o seu esplendor tamén é parte do noso patrimonio e tamén debemos de dar a coñecela.
O outro día os amigos de AXENA invitáronme e ver o anelamento duns polos de falcón peregrino aos que lles levaban seguindo a pista desde que os seus pais instalaran o niño alá por febreiro.
Un dos biólogos sostén un dos polos (dos mais maiores) despois de anelalo.

Para mín foi todo un acontecemento, nunca vira tan de preto uns animais como aqueles, natureza salvaxe en estado puro. Os falcóns peregrinos son os animais mais veloces do planeta e aínda que non son moi grandes, ver sobrevoar e berrar aos pais, nerviosos, porriba das nosas cabezas impoñía bastante.

Polo de falcón peregrino cuberto de plumón. A que é moi guapo?

Foron anelados polos de dous niños diferentes e entre eles se observan moi ben as diferenzas. Uns teñen o corpo cuberto de plumón e aos outros xa lles saíran as plumas (28 días). Aos falcóns peregrinos gústalles criar (non fan niño) nas pequenas repisas dos acantilados e agora tamén aproveitan para facelo nas paredes de canteiras abandoadas.

Outro membro de AXENA rapelando para coller os polo. Vedes o polo xusto debaixo del na fotografía?

Os biólogos de AXENA utilizan técnicas de rapel para baixar aos lugares onde se atopan, collen os polos e os depositan nunha mochila e ascenden de novo para anelalos. As medicións do peso, envergadura (de punta a punta das ás), medidas das poutas, etc. son realizadas e anotadas con sumo coidado. A niñada é depositada no seu lugar unha vez rematan as medicións.

Para saber mais, premede aquí visitade a páxina e animádevos a preguntar as dúbidas que teñades, estarán encantados/as de respostar. Gracias á xente AXENA pola experiencia.

25/5/09

Portomarín

Portomarín é unha vila situada no Camiño Francés, na provincia de Lugo entre os concellos de Sarria e Palas de Rei.

En 1962 Portomarín sufriu un cambio esencial como vila, xa que coa construción do embalse de Belesar, a poboación tivo que trasladarse ao Monte do Cristo. Contruíronse de novo varios edificios e outros trasladáronse pedra a pedra, pero moita xente deixou a súas raíces no fondo do lago.



O embalse de Belesar ao seu paso por Portomarín completamente baleiro (o ano pasado). Vemos os restos dos muros das casas.

Unha pesquería no fondo do val que servía para pescar lampreas.

A vila foi declarada Conxunto Histórico Artístico en 1946 e posúe restos da época romana. Entre eles a ponte primitiva, que foi recontruída en época medieval.

A igrexa de San Xoán chamada agora de San Nicolás porque está situada no barrio de San Nicolás do antigo Portomarín. Foi construida no século XII e pertence ao románico tardío. A igrexa de San Nicolás foi levantada pola orde de San Xoán de Xerusalén que tiña o controlada da ponte que atravesaba o Miño e coidado do hospital de peregrinos.

A igrexa de San Nicolás foi primeiro da Orde de Santiago, logo da Orde de San Xoán de Xerusalén e despóis da Orde Malta. É un monumento importante non só de Lugo senón que de toda Galicia.

A igrexa ten unha soa nave, unha ábsida que ten un tramo recto e cuberta dunha bóveda de canón. Ten tres portadas con esculturas, decorados que forman parte do Románico.


No Pórtico da Gloria hai esculpida unha visión apocalíptica , tamén no tímpano ten un Pantocrator nunha mandorla, ten arquivoltas decoradas cos 24 anciáns do Apocalipsis con instrumentos musicais da época do medievo. Esta iconografía fai que se vincule co Mestre Mateo.

A portada sur ten figuras de santos motivos vexetais, animais e figuras humanas. Ten unha fachada con un rosetón e tamén ten unha ábside que ten tres celosías, ten columnas góticas e arcos de medio punto.

A portada norte ten no tímpano unha anunciación e unha arquivolta decorada con motivos xeométricos.

No interior da igrexa as pinturas son góticas. Tamén ten no interior un Cristo crucificado, feito de madeira policromada.

Para comer en Portomarin, podemonos achegar ao mesón Rodríguez e tamén ao do Labrador, e para dormir podemolo facer na pousada de Portomarín, na avenida de Sarria. Pero para probar as Anguilas riquisimas o restaurante Río Loyo ao lado do embalse, están riquísimas e está comprobado, tamén poñen outras cousas como os chocos, churrasco, calamares e por suposto tamén o menú da casa e moitas outras cousas típicas de Portomarín.

Xa vedes, Portomarín é pequeno pero moi bonito.

Noelia Fernández. 2ºESO A.

Fotos: Alberto Rodríguez


23/5/09

COMPARTINDO A NOSA CULTURA


Hai case un mes, coincidindo coa festa da Foliada, tivo lugar en Melide un encontro entre cinco países europeos: Bulgaria, Grecia, Dinamarca, Letonia e Galicia que participan no proxecto ATTIC. Este é un proxecto de intercambio cultural, subvecionado pola UE dentro dos Programas Grundvigt, onde cada país traballa un eido da cultura popular e o comparte cos outros. Así Bulgaria é o país coordinador e traballa con documentación, Grecia con literatura oral e contacontos, Dinamarca con artesanía, Letonia con danzas tradicionais e Galicia con xogos populares e tradicionais. Cada país aportou aos outros un pouco dos seus xogos, contos populares, danzas, artesanía... e o resultado son diferentes catálogos de cada área de traballo.
O proxecto está chegando ao final e tres profes do instituto, Lidia, Cristina e Pía, viaxarán a Bulgaria para presentar o resultado do noso traballo. Dexesámoslle unha boa viaxe, que xa nos contarán no blog, e velaí o noso catálogo de xogos populares de cada un dos cinco países participantes.

6/5/09

San Cristovo de Novelúa en Monterroso.


Ola! Quero invitarvos e ver unha igrexa románica de mediados do século XII que hai relativamente cerca de Melide.

San Cristovo de Novelúa é unha parroquia do concello de Monterroso na comarca da Ulloa e na provincia de Lugo.  


                                                Pórtico e torre

A igrexa de San Cristovo de Novelúa, consta dunha nave e unha ábsida semicircular. A igrexa está precedida dun tramo recto.

Nos muros laterais ten contrafortes que a esta igrexa non lle son necesarios porque a cuberta non é pesada, como sucede na maior parte dos edificios románicos.

A portada principal non se aprecia dende fora porque queda resgardada por un pórtico, pero a describo porque é o mais interesante do edificio.  Consta de triple arquivolta abocelada e con axedrezado (o que a profe chama taqueado xaqués). Os arcos son de medio punto como en todos os edificios románicos. Os chapiteis das seis columnas que sosteñen estes arcos son na súa maioría xeométricos, pero dous teñen decoración de animais.

O interior está decorado con pinturas da época máis recente.

Pero o que máis me gusta é a súa absida semicircular e con piastras adosadas.Destaca é a inusual celosía, labrada en placas de granito. Isto é algo excepcional, xa que se conocen moi poucos exemplos que se conserven hoxe.

  Detalle da celosía

A que é bonita? Paga a pena que vos acheguedes a Monterroso para vela.

Tamén se poden visitar outras igrexas románicas que se atopan en Palas de Rei, Bidouredo…

Se a alguén lle apetece quedar a durmir, preto de aquí hai diversas casas rurais, como a Casa do Campo que está situada na parroquia de San Miguel de Penas, ou o Pazo de Ludeiro, que tamén se encontra nesta parroquia.

Recomendo probar o queixo da Ulloa, que se pode atopar en diferentes lugares, pero un deles é Monterroso.  Un exemplo de queixería é a de Arqueixal, que está situada entre Palas de Rei e Monterroso ( a cinco km. aproximadamente)

Texto: Isabel Varela Iglesias de 2ºE.

Fotos: Manolo Castro.